Semana Santa con bos resultados de ocupación, malia o mal tempo
Por Redacción
A ocupación hostaleira media na provincia de Pontevedra alcanzou o 68,3% durante a Semana Santa, seis puntos por encima do previsto na estimación realizada antes deste período.
A presidenta provincial Carmela Silva mostrouse satisfeita con estes datos tendo en conta o tren de borrascas que se sufriu durante estas datas que se iniciou coa cicloxénese explosiva Hugo e que finalizou deixando ao mes de marzo como o que rexistrou máis precipitacións durante a última década na provincia.
No Salnés obtivo unha ocupación do 58,13% con picos de 60% en localidades como O Grove ou Sanxenxo. Na comarca de Pontevedra, os datos ascenden ao 83,5%, logrando os mellores resultados da provincia.
Na comarca de Caldas logrouse unha 85% fronte ao 87 que estaba previsto e no Morrazo alcanzouse un 59% de ocupación definitiva, 15 puntos por encima das estimacións.
A presidenta da Deputación sinalou tamén que o turismo rural situouse na provincia nun 47,42%.
Pola súa banda, a concellería de Turismo de Poio indicaba que os establecementos hostaleiros tiveron unhas reservas de aloxamento dun 60% de media e o mal tempo foi o culpable de moitas cancelacións durante a Semana Santa.
En canto aos turistas que se achegaron ás oficinas de turismo do municipio, alcanzouse un total de 429 persoas, sendo o 97% de procedencia nacional.