Carmela Silva acusa o Partido Popular de deslealdade institucional
Por Anxo Lourido
A presidenta da Deputación provincial de Pontevedra anunciou que pedirá ao seu departamento de prensa que revise as hemerotecas para buscar as promesas electorais do Partido Popular incumpridas. Carmela Silva facía esta referencia en relación coa visita levada a cabo por parte do presidente do Goberno Mariano Rajoy, acompañado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ás obras da A-57.
A presidenta provincial lamentou que os políticos populares volvan realizar anuncios "que queden en nada" en referencia á promesa do presidente autonómico Alberto Núñez Feijóo anunciando que a Xunta asumirá directamente o tramo que falta por construír na A-52 entre Vigo e Porriño. "Onde está o proxecto redactado final? Están os trámites administrativos?", indicou Silva que entende que se trata de promesas electorais, como as que xa anunciara Ana Pastor anos atrás, cando era ministra de Fomento.
Carmela Silva indicou que existe preocupación entre o Partido Popular polas eleccións municipais e por iso realízase unha "promesa máis". A máxima responsable da Deputación coincide co alcalde de Pontevedra sobre a actitude que manteñen os populares nestes actos de presentación e quixo referirse aos actos do Goberno aos que acode como primeira tenente da alcaldía de Vigo nos que en primeira liña atópanse os concelleiros do PP, que é a "oposición". Por este motivo, apuntou que os populares non coñecen a lealdade institucional e engadiu que "de comportamentos democráticos entenden moi pouco".