O Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal, preto de chegar a 75.000 pacientes
Por Redacción
O vindeiro mes de maio a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés dará por finalizada a primeira rolda do plan de cribado do Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal, un proxecto que permitirá chegar a 75.000 persoas de entre 50 a 69 anos, os de maior risco desta doenza.
A xerencia da área sanitaria deu a coñecer os datos este sábado coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Prevención de Cancro Colorrectal. Deu a coñecer a través dun comunicado que o programa xa chegara a 62.131 cidadáns e agora aumenta a cifra a 75.000 como resultado da ampliación da cobertura preventiva aos concellos da comarca do Umia (Caldas de Reis, Cuntis, Portas e Moraña) e a Campo Lameiro, Cerddo-Cotobade, Forcarei e Soutelo de Montes.
Unha vez finalizada a primeira quenda, automaticamente reiniciarase o plan de cribado cunha segunda rolda de contactos que implica volver a convidar a todas aquelas persoas que xa participaron ou declinaron facelo para repetir o procedemento ao longo de outros dous anos, e así sucesivamente. Así mesmo, entrarán persoas novas.
Profesionais da especialidade de Aparato Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra explican que o cancro colorrectal é o tumor máis frecuente nos países desenvolvidos e que ocupa o segundo lugar despois do de pulmón nos homes e o de mama no caso das mulleres. As persoas con historia familiar de cancro colorrectal e aquelas con enfermidades inflamatorias intestinais crónicas teñen máis risco de desenvolver esta patoloxía.
Segundo recolle o Servizo Galego de Saúde, os profesionais do servizo de Aparato Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra amósanse moi satisfeitos cos resultados acadados na primeira quenda, pois destacan que a área de Pontevedra e O Salnés rexistra os tempos máis baixos de toda Galicia para acceder á colonoscopia e que a información reunida ao longo de todo o procedemento é de gran calidade.
De cara á segunda quenda fan especial fincapé en que se debe insistir na importancia da participación no programa e desmitificar os riscos e o medo á proba de sangue oculto en feces, pois na área sanitaria a participación rexistrada foi lixeiramente menor ao 50%.
Dentro do Programa de Detección Precoz de Cancro Colorrectal da área sanitaria efectuáronse o pasado ano 2017 un total de 1.023 colonoscopias. Así mesmo, a taxa de participación neste programa preventivo foi dun 45.5% de pacientes de 50 a 69 anos. Por outra banda, o resultado do test de sangue oculto en feces foi positivo no 6.8%, dentro da media esperable, segundo sinalan no Servizo de Aparato Dixestivo do CHOP.
Os datos máis recentes apuntan que dende a posta en marcha deste plan en 2016 foron diagnosticados 39 pacientes con cancro e 921 pacientes con lesións premalignas -adenomas- que foron extirpadas durante a colonoscopia. Deses 921 pacientes, 237 tiñan lesións cun alto risco de malignización a curto prazo.