A forte ondada volve alagar a autovía entre Marín e Pontevedra
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez
A auga volveu a alagar na tarde deste venres o carril exterior da autovía entre Marín e Pontevedra. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior de Vicepresidencia da Xunta xa advertira deste tipo de fenómenos cando activou a alerta laranxa por temporal costeiro.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra procedeuse a cortar a circulación por un dos carrís da autovía sen que se rexistrasen incidentes.
O corte tivo lugar sobre as catro e media da tarde do venres nada máis detectarse que a ondada invadía a calzada.
Durante toda a xornada deste venres, a choiva, en ocasións acompañada de saraiba e tormenta eléctrica, foi obrigando a suspender as distintas actividades previstas no exterior.
É o caso das procesións e demais actos relixiosos da Semana Santa, pero tamén o de actividades deportivas e festas.
Así en Ponte Sampaio a Comisión das Festas do Carme anunciou a cancelación da verbena coa orquestra Panorama na anunciada como "Festa da Xuventude".