A contorna da Alameda de Ponte Caldelas prepárase para unha transformación
Por Redacción
A zona entre a praza de España e a avenida de Vigo en Ponte Caldelas experimentará un importante cambio tras as obras que está previsto que se inicien despois da Festa das Dores, a principios de setembro. O goberno local ten previsto acometer a reforma dos xardíns de Xerardo Carballal e tamén crear un gran espazo de preferencia peonil para potenciar a actividade comercial na contorna da Alameda da vila.
Desde o Concello queren iniciar o proceso de licitación durante estes próximos días. O prezo de licitación para as dúas obras é de 382.125 e 287.876 euros. O prazo de execución previsto sitúase en catro meses co obxectivo de que se poidan inaugurar antes de finais de ano. As obras contemplan a substitución dos servizos soterrados, tanto de saneamento como de abastecemento de auga.
Segundo fontes municipais, na praza de España intervirase nunha zona superior aos 2.600 metros cadrados, na que se inclúe a avenida de Vigo desde o cruzamento principal ata a rúa Rosalía de Castro. Neste espazo se resituará a parada de taxis e a zona de carga e de descarga.
Todo o pavimento terá o mesmo nivel cunha separación con bolardos extraíbles para as zonas de tráfico das avenidas de Vigo e Marín. Instalaranse tamén novos bancos.
Nos Xardíns de Carballal proxéctase crear unha nove fonte con 15 chorros, con iluminación led RGB e controlada por reloxo astronómico e paralización automatizada durante épocas de mal tempo. Nas proximidades colocaranse xardineiras, papeleiras e tamén bancos. Na zona quedará situada a escultura da "troita" realzada or un báculo de iluminación de 15 metros de altura. A escultura contará cun gravado no que se lea "A troita, o peixe máis bonito do mundo".
A fonte de chafarís, reinstalada en 2004, será desmontada e restaurada para corrixir as fugas que sofre. Será trasladada ao centro da rotonda prevista entre o parque infantil e o colexio Cordo Boullosa. Esta contorna será asfaltado e o aparcadoiro dos autobuses escolares cambiarase ao Camiño da Valdarrosa, na costa do instituto, para liberar de tráfico a toda a zona.
O alcalde Andrés Díaz afirma que o obxectivo destas obras é dar un sentido de conxunto ao centro da vila, sempre mantendo a Alameda como peza central.
Relacionadas:
-
Audeca e Nexia remodelarán a praza de España e dos xardíns de Carballal
Por Redacción |
-
O Concello renova a iluminación do centro de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Licitan a humanización da Praza de España e a reforma dos xardíns de Xerardo Carballal
Por Redacción |
-
A reforma urbana do centro de Ponte Caldelas, a partir de setembro
Por Redacción |
-
Revolución no centro de Ponte Caldelas con beirarrúas máis anchas e máis aparcamento
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas completa a renovación tecnolóxica da súa rede de iluminación pública
Por Redacción |