A CIG critica a "limitación" do dereito a vacacións nos hospitais de Pontevedra-Salnés
Por Oskar Viéitez
O sindicato CIG rexeita a "limitación do dereito ao goce das vacacións" mediante unha "decisión unilateral" da Xerencia dos hospitais de Pontevedra-Salnés de rachar co acordo existente dende 2005 acerca do período ordinario de gocedas vacacións nos meses de xullo a setembro, e dos acordos de rotacións entre traballadores dos diferentes servicios nese período.
Segundo informa a central nacionalista, o argumento da Xerencia de que en determinadas categorías existan dificultades para cubrir as vacantes "non o poden utilizar como escusa para restrinxir os dereitos do conxunto do traballadores".
Consideran que a decisión de aumentar nun mes máis o período de goce das vacacións (xuño a setembro) vai supor unha menor contratación nese período "e non está garantida a mellora na contratación para o persoal das listas como a administración nos quere facer crer".
Dende a CIG lembran que as categorías que a administración define como deficitarias son consecuencia directa da política de contratación do SERGAS, e citan como exemplo "os contratos en precario e sen garantías obrigan aos profesionais a marchar á empresa privada e a outros servizos de saúde, ou a solicitar a suspensión de chamamentos porque senón non teñen vida familiar".
A CIG asegura que existe "moito cabreo" por parte dos profesionais con esta medida e amosanse convencidos de que a decisión ten máis que ver con recortar en contratos de persoal que coa falta de profesionais, "pois pechar camas durante catro meses ou mais implica que o persoal fixo excedente cubrirá as vacacións do resto do persoal".
Finalmente advirten ao Sergas que "esta decisión ven afondar máis na apatía e desmotivación dos profesionais que ven como día a día a súa situación laboral se deteriora".