Un convenio para que a rúa Concepción Arenal sexa "máis cómoda, máis segura e máis humana"
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, asinaron este mércores o convenio de colaboración para a humanización de 500 metros da rúa Concepción Arenal.
María Ramallo agradeceu a "axilidade" na colaboración da Xunta sen a cal sería "inviable" acometer esta actuación "importante e moi positiva" que se acometerá en dúas fases.
A alcaldesa indicou que agora o Concello procederá á licitación da primeira fase do proxecto que modificará a configuración do espazo, dotando de maior amplitude ás beirarrúas e facilitando así o tránsito peonil.
Ethel Vázquez explicou que a reforma afecta a un tramo da PO-546 "que é unha vía moi urbana, cun tráfico eminentemente local". O proxecto contempla unha "actuación integral" coa reordenación da zona de aparcadoiro de vehículos e a área de carga e descarga, para permitir que o tráfico na calzada sexa máis fluído, respectando as indicacións do PXOM e a lei de accesibilidade.
Tamén se renovarán os servizos existentes e instalaranse novas dotacións e elementos de mobiliario urbano.
O investimento total é de 1,6 millóns de euros, dos que a Xunta achega o 80% e o Concello o resto, asumindo a titularidade da vía ao finalizar as obras.
"Estamos a falar da suma de esforzos das dúas administracións para facer esta vía máis cómoda, máis segura e máis humana", sinalou a conselleira.
Relacionadas:
-
Marín modifica o seu PXOM para urbanizar unha parcela anexa a Méndez Núñez
Por Redacción |
-
Marín presenta un proxecto orzamentario de 13,4 millóns, lixeiramente superior a 2017
Por Redacción |
-
O convenio entre a Xunta e Marín para reformar a PO-546 en Cantodarea ascenderá a 1,3 millóns
Por Redacción |
-
Proxectada a humanización de Concepción Arenal, entre José Trasende e a rúa Real
Por Redacción |