As asociacións veciñais de Verducido, molestas co Concello polos seus incumprimentos
Por Oskar Viéitez
As asociacións veciñais de Verducido denuncian que o Concello incumpre os acordos aprobados polo Consello Parroquial.
En asemblea e por unanimidade, todas as asociacións de Verducido, acordaron este sábado trasladar o seu malestar ao Goberno local despois de observar que "ao longo dos 3 últimos anos deixou de investir máis de 500.000 euros na parroquia e a data de hoxe só leva executado ao redor do 15%", das obras e actuacións comprometidas.
Estes colectivos lamentan que son as propias asociacións as que na maioría dos casos "dan a cara" ante os veciños e quéixanse do "cansazo acumulado" estes anos pola "loita para que estas peticións se leven a cabo".
Citan a existencia de "falsas promesas" por parte do Concello, "obras inesperadas sen comunicación previa nin consulta previa ou actuacións en terreo privado para beneficio duns poucos ou un", que foron os "detonantes" para esa reunión na que se expuxo o "malestar xeneralizado co Concello de Pontevedra, ou mellor dito, contra quen o dirixe".
Nos próximos días iniciarán unha rolda de contactos cos partidos políticos da corporación municipal para trasladarlles as necesidades que os veciños de Verducido están a solicitar, "que foron aprobadas no seu momento por todas as partes e non se lles están realizando".
Nun comunicado estes veciños xustifican o seu enfado: "Porque pagamos os mesmos impostos que a cidade e carecemos de servizos básicos como son a rede de sumidoiros e a auga pública (cada veciño buscouse a vida como puido), existen veciños que non teñen un acceso digno ás súas vivendas e polo que parece seguirán sen telo, vivendas que se alagan por ter carencia de cuneta na estrada ou canalizacións que xa non son as apropiadas e os responsables miran para outro lado. Porque o neno que xoga no parque da parroquia acaba cheo de rabuñaduras e feridas (o chan é de grava e as silvas o seu xardín) porque levamos 3 anos, ou máis, esperando que acondicionen o Rocódromo e a pista do Pontillón (único parque forestal de Pontevedra ata a data) porque hai un palco que cae a pedazos e non se arranxa ou derruba (ata que pase algo) porque hai algo que non funciona cando os militantes dun partido entregan os seus carnés. Porque cando se dedica máis tempo a falar dos éxitos conseguidos (noutras cidades) que cos proxectos de futuro dos teus propios veciños estás a deixar de crecer".
Estes colectivos conclúen o seu escrito cunha pregunta dirixida ao Goberno Local "para cando o modelo do rural?".