Dez empresas, interesadas en executar o proxecto para a estrada provincial entre a N-550 e Perdecanai en Barro
Por Redacción
Dez empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora na estrada provincial EP-0505 en Barro: renovar a capa de rodaxe de xeito integral, crear un espazo de tránsito peonil, instalar novo saneamento e tamén dispositivos de calmado de tráfico.
Segundo informou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, o orzamento dos traballos é de 327.565 euros, se ben os técnicos provinciais están agora a estudar as ofertas técnicas e económicas, que mellorarán substancialmente o prezo de licitación.
Agárdase que no prazo dun mes as obras poidan comezarse unha vez xa se conte coa autorización do departamento de Patrimonio da Xunta para realizar unha pequena canalización nas inmediacións da zona da igrexa de Perdecanai, cumprindo cos prazos inicialmente previstos.
A actuación do departamento de Mobilidade provincial na EP-0505 abrangue a totalidade da vía (1,2 quilómetros).
Esta obra realizarase grazas ao convenio asinado entre a Deputación e o Concello, no que se estableceu que o financiamento será ao 70%-30%. En calquera caso, o Goberno local de Barro decidiu afrontar a súa parte da obra cos cartos correspondentes ao Plan Concellos de 2018-2019 na Liña 1 de investimentos, o que será aprobado na Xunta de Goberno do vindeiro martes. Na realidade, pois, a totalidade da actuación será custeada grazas ás arcas provinciais.