O PP alerta de que as disputas de Louro e Lores "poñen en risco o funcionamento do Concello"
Por Redacción
O grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra censura que o distanciamento entre o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o voceiro socialista, Antón Louro, "está a acadar cotas insoportables" e a xerar un grao de tensión no Concello que "está a poñer en risco o normal funcionamento da institución".
Na opinión do voceiro dos 'populares' pontevedreses, Jacobo Moreira, "o enfrontamento entre nacionalistas e socialistas está a derivar nunha crecente e constante sucesión de mensaxes e iniciativas dirixidas a desgastarse entre si".
Esta situación que aseguran que ven xa de tempo atrás "acadou o seu punto máis crítico" coa recente moción interposta polo PSdeG-PSOE pedindo a cancelación das contas que ten a Administración Local en Novagalicia Banco e a rotura de calquera relación comercial con esta entidade en apoio aos afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas.
Jacobo Moreira demanda a nacionalistas e socialistas "que reflexionen e intenten que as súas diferenzas prexudiquen o menos posible á cidade".
Ao respecto, o PP sinala que a iniciativa "foi recibida polo BNG como unha clara inxerencia de Antón Louro na área económica municipal, a cargo do nacionalista Raimundo González". Ademais, para os 'populares' é importante destacar que "o Concello, en realidade, o que ten con NGB son créditos por nada menos que 13 millóns de euros".
Antes deste último episodio, segundo o PP, o enfrontamento no seo do grupo de goberno "traduciuse en rechamantes debates" como o relativo ao posible destino do edificio do Ministerio de Hacienda situado fronte a praza de Ourense, que un quere para hotel e o outro non, ou a paralización do futuro PXOM. Neste punto, "o PSOE, dun xeito moi razoable, decantouse por situarse á carón do PP para esixir a Mosquera que retome o traballo e esqueza esa inxustificable teima que ten completamente condicionado o desenvolvemento ordenado e sostible da cidade".
Jacobo Moreira demanda a nacionalistas e socialistas "que reflexionen e intenten que as súas diferenzas prexudiquen o menos posible á cidade".