O PP de Poio sae á rúa para pedir ao alcalde a rebaixa do IBI
Por Oskar Viéitez
Arredor de dous centenares de veciños de Poio, convocados polo Partido Popular, saíron este luns en manifestación para esixir ao Goberno local a baixada do IBI e a aplicación de bonificacións propostas polos populares.
Encabezada por unha pancarta na que se leía "Alcalde, escoita", a mobilización percorreu de maneira silenciosa a escasa distancia que separa o cemiterio municipal da casa do Concello esixindo a rebaixa do IBI do 0,47 ao 0,43.
Esta manifestación ten lugar un día antes de que se celebre a sesión plenaria na que o PP presentou unha moción que, segundo o voceiro popular Ángel Moldes, contempla unha proposta "construtiva, solidaria, realista e beneficiosa para todos a curto, medio e longo prazo", na que insta ao Goberno local a que asuma esta baixada do IBI, "pensando nos intereses da xente".
No seu discurso ao remate da manifestación Moldes recordou que a proposta do PP "non é nada que non se fixese noutros concellos" e recordou que concellos de características semellantes a Poio, como Cangas, Moaña, Bueu... teñen un tipo de gravame inferior, ademais engadiu que a súa proposta é "calquera cousa menos demagóxica".
Finalmente o portavoz do PP de Poio destacou que o concello en ningún momento deixará de ingresar "máis ben ao contrario", xa que este ano as arcas municipais recibirán unha recadación por IBI de, "como mínimo, catro millóns de euros, unha recadación extraordinaria comparada cos cerca de tres millóns de euros que adoita ingresar cada ano".
Relacionadas:
-
Poio presenta un orzamento "expansivo" de case 12 millóns de euros
Por Anxo Lourido |
-
Unha web calcula os cartos que aforrarían os veciños de Poio no pago do IBI coas propostas do PP
Por Oskar Viéitez |
-
"Se nos insultan quere dicir que o estamos facendo ben", resposta o PP ao goberno local de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno de Poio acusa a Ángel Moldes de promover unha campaña de "desinformación deliberada" co IBI
Por Oskar Viéitez |