A remodelación da Alameda de Seixo entra na súa recta final
Por Oskar Viéitez
As obras de remodelación da Alameda de Seixo entran na súa recta final, unha vez finalizados os traballos de reposición do empedrado e realizadas as melloras nas beirarrúas. Nestes días están a acometerse os remates finais para poder dar por rematadas as actuacións contratadas. O obxectivo claro desde o principio é "darlle utilidade a este espazo", que xunto coa Casa de Cultura concentra a maioría das actividades que se desenvolven na parroquia.
A nova configuración da Alameda permite, tal e como pediran os veciños ao Goberno local, compatibilizar os usos de recreo infantís coa organización dalgúns eventos musicais.
As obras execútanse con cargo ao orzamento municipal e o Concello asúmeas na súa totalidade.
O Goberno local tivo que esperar o tempo indispensable para non poñer en risco o anterior investimento, xa que, aínda que non foi nada operativa, realizouse con fondos do Plan E que non permitía o seu cambio ata despois dun determinado prazo.
Unido a estas obras está a procederse a realizar algunhas melloras dentro da Casa de Cultura de Seixo como a renovación da pintura interior do salón, a mellora e ordenación das obras alí depositadas e a súa mellor colocación. Tamén se cambiará o mobiliario.