Pontevedra escaneará os 800 quilómetros da rede viaria que ten o municipio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra encargou a unha empresa o escaneo dos aproximadamente 800 quilómetros da rede viaria que ten o municipio.
A totalidade das rúas e estradas, indistintamente da súa titularidade, formarán parte deste mapeo co que o que se pretende facilitar a automatización de procesos de inspección de seguridade viaria, a autorización de obras ou o diagnóstico de accidentes, segundo explicou o portavoz do Goberno local, Raimundo González.
A Xunta de Goberno local deste luns adxudicou estes traballos de fotografado e escaneado á empresa Geograma S. L. por 59.569 euros e ten un prazo de execución duns 9 meses e 1 semana.
Esta empresa utiliza un sistema denominado Mobile Mapping mediante un equipo embarcado nun vehículo homologado que permite o fotografado e escaneado continuo de escenarios (contornas urbanas, parques e xardíns, estradas, túneles…)
O sistema de medición agrupa sensores de posicionamento de alta precisión e dispositivos de toma de imaxes mediante 6 cámaras e captura de nube de puntos a través de tres láser- scanner. No proceso de captura de datos, tómanse 6 imaxes de 360º cada 5 metros e unha densidade de 40.000 puntos con coordenadas por segundo, nunha franxa de banda de 40 metros a cada lado do vehículo.
Deste xeito, ademais das sinalizacións horizontais da estrada tamén se dispoñerá de información de todos os sinais verticais, tales como sinais de tráfico ou farois. "Isto permitiranos facer medicións con erros de, como moito, 1 centímetro", sinalou Raimundo González.
En canto á súa aplicación, destacou que será profesional para o seu uso polos servizos técnicos municipais.