Deteñen no Vao un home que atracara unha farmacia de Poio cun garfo
Por Redacción
A Garda Civil detiña este venres 23 no poboado chabolista do Vao ao presunto autor dun roubo con intimidación nunha céntrica farmacia situada no municipio de Poio.
Segundo o relato da Garda Civil, o suceso producíase ao redor das 17.00 horas cando o home accedía ao establecemento aproveitando que non había clientes no interior. Levaba a cara cuberta e esgrimía un garfo para intimidar e ameazar á dependente. O atracador lograba levar o escaso diñeiro que había neses momentos na caixa.
A Garda Civil despregou un dispositivo para localizar ao presunto ladrón e, coa axuda do servizo de seguridade do centro comercial da Barca, que se atopa próximo á farmacia, lograba identificar o autor do roubo.
Catro horas máis tarde, o sospeitoso, de 48 anos e veciño de Poio, era localizado no poboado do Vao. Varias patrullas de seguridade cidadá da Garda Civil pertencentes á Comandancia de Pontevedra dirixíronse ata esa zona onde lograban detelo.
A arrestado conta cun amplo historial de antecedentes por delitos contra a propiedade. Este sábado pasaba a disposición do Xulgado de Instrución de garda de Pontevedra, que decretaba a súa liberdade provisional coa obriga de achegarse periodicamente ao Xulgado.