Poio presenta un proxecto "socioemocional" para mellorar a afectividade nos centros educativos
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Educación e Deportes, Marga Caldas, presentou este venres o Programa Agarimo dirixido aos centros escolares do municipio de Poio e concibido como un "Proxecto socioemocional para as melloras da afectividade e as habilidades para a vida e o benestar nos centros de ensino".
Son actividades deseñadas para os escolares e tamén as Asociacións de nais e pais de alumnos (Anpas), non só mediante charlas senón tamén con intervencións directas nos colexios.
Segundo explicou a responsable do proxecto, Raquel Pedrouso, cada colexio traballará durante o resto do curso sobre unha das seis emociones básicas: noxo, alegría, medo, sorpresa, ira e tristeza. Ao finalizar o curso escolar trasladarán as súas conclusións ao "mural das emocións" que se pintará na Seca.
Unha das claves do éxito deste proxecto é a implicación de toda a comunidade escolar, docentes, familias e nenos.
Á volta das vacacións de Semana Santa arrincará a iniciativa que contará cunha páxina web específica para que todos os centros poidan compartir recursos e ferramentas.