Unha web calcula os cartos que aforrarían os veciños de Poio no pago do IBI coas propostas do PP
Por Oskar Viéitez
O voceiro do Partido Popular de Poio, Ángel Moldes, presentou este venres en rolda de prensa ibipoio.com, unha web que o PP pon a disposición dos veciños para calcular o impacto que tería na súa economía a rebaixa do tipo de gravame do IBI que os populares solicitarán no próximo pleno municipal do 0,47 actual ao 0,43.
A ferramenta permite introducir o importe actual que paga cada contribuinte e devolve, a título informativo, a cantidade que terían que pagar nos próximos exercicios se se aproban as medidas que solicita o PP, informando ademais das posibles bonificacións ás que poderían acollerse.
Moldes tamén fixo un chamamento a participar na manifestación a prol destas medidas que terá lugar este luns, 26 a partir das 20.30 horas e que transcorrerá entre a entrada do cemiterio municipal e as portas da Casa do Concello, que agarda sexa "multitudinaria", e trala que se lerá un manifesto e se dará a coñecer a opinión dos veciños sobre a aplicación de rebaixas e bonificacións na taxa de IBI.
A ferramenta tamén proporciona información sobre esta concentración, así como sobre as medidas propostas polo PP e a súa motivación, "que non só son beneficiosas para os afectados pola regularización catastral do pasado ano, senón para todos os veciños, e non prexudicarían as finanzas do Concello, que este ano ingresará catro millóns de euros ou máis en concepto de IBI, contando os atrasos doutros exercicios e a subida dos recibos", aseguran os populares.