Un proxecto do IES Johan Carballeira, premiado no certame Depoemprende
Por Oskar Viéitez
A proposta dun Centro de terapia visual presentada polo IES Johan Carballeira, de Bueu, gañou o segundo premio no certame Depoemprende que convoca a Deputación de Pontevedra.
O proxecto consiste na prestación de servizos optométricos destinados á mellora da visión, mellora da calidade de vida dos pacientes, sobre todo, aqueles que están en idade escolar.
O primeiro premio foi para o Centro de Formación Profesional Daniel Castelao, de Vigo, polo seu deseño dun dispositivo de localización GPS para náufragos no mar mediante radio frecuencia e cun alcance de máis de dez quilómetros, e o terceiro gañouno o IES de Rodeira, en Cangas, que presentou ao concurso unha iniciativa denominada "Quantum Cinemas" que combina as proxeccións de películas coas retransmisións de eventos deportivos.
O Centro de Experimentación e Formación Agroforestal de Lourizán recibiu unha mención especial polo seu proxecto de Oficina técnica forestal denominado "A túa leira", destinado á medición de leiras e emisión de planos xeorreferenciados.
O Salón de Plenos do Pazo Provincial acolleu este xoves as presentacións dos centros participantes neste certame, dos que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, valorou a súa "altísima calidade e innovación" mostrando a súa emoción por comprobar "unha vez máis o enorme talento dos mozos e as mozas desta provincia".
A presidenta provincial trasladou a súa satisfacción ao comprobar que "temos un sistema educativo potente", e sinalou á formación e á educación como o "único instrumento para conseguir a igualdade de oportunidades e para permitir que todas as persoas poidan ter capacidade de construír unha vida", destacou Carmela Silva.
O programa Depoemprende na FP ten o obxectivo de crear novos produtos e proxectos "que nos permitan dar demanda ás necesidades máis próximas" e á vista dos resultados Carmela Silva anunciou que esta iniciativa continuará nos próximos anos.
Relacionadas:
-
A Deputación entrega os seus premios ao emprendemento nas aulas
Por Redacción |
-
Dez cooperativas de oito centros de educación secundaria participan en "DepoEmprende na ESO"
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
A Deputación adxudica os programas En Ruta coa Depo e Depoemprende II
Por Redacción |
-
"Emprender significa conseguir os soños"
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
A Deputación pon a semente da cultura emprendedora
Por Redacción |