A senda peonil de Calvelo e o novo xuíz de paz centran o debate plenario de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A construción dunha senda peonil entre Calvelo e o IES de Cotobade e a elección do novo xuíz de paz para Cerdedo-Cotobade centraron este xoves a sesión plenaria do mes de marzo no municipio, naque non faltou a polémica e o debate. A senda xa era un proxecto en marcha e agora recibiu o apoio do pleno mentre que o novo xuíz de paz quedou pendente.
En relación coa senda peonil, o grupo municipal do PSOE presentou unha moción reclamando a construción e foi aprobada co voto favorable dos socialistas e do goberno local do PP, pero os integrantes do grupo no goberno quixeron deixar clara a súa sorpresa pola presentación desta proposta, pois trátase dunha actuación que "xa estaba consensuada" previamente.
Ao respecto, o goberno local indicou, ao remate do pleno, que a comunidade de montes de Calvelo tamén reaccionou con "sorpresa" ante a moción, pois "non entenden a petición socialista agás que sexa para tentar buscar algún rédito"
O presidente municipal, Jorge Cubela, explicou que os comuneiros e os veciños lle transmitiron o seu "malestar" por esta moción "totalmente fóra de tempo" e que é algo que el comparte "plenamente". "Todos lamentamos que se caia na politización dun proxecto que xa se abordou cos veciños", engade.
Cubela amosouse moi crítico co PSOE, do que asegura que "tende a aparecer só cada dous meses, cando se achegan os plenos, con mocións moi variopintas para que pareza que traballan".
Nesta ocasión recórdalle que a senda peonil foi unha iniciativa que xurdiu da comunidade de montes de Calvelo co obxectivo de mellorar a seguridade peonil na zona e para complementar outra senda plantexada no marco da mellora da estrada N-541. Tras esta petición, incluíuse nas accións e proxectos do goberno local.
O asunto foi debatido no pleno ordinario e o grupo municipal do PP votou a favor porque, segundo explicaron a través dun comunicado, o presidente quixo ter un xesto para que os socialistas "deixen de politizar este asunto e non haxa atrancos ás xestións en curso nin aos acordos alcanzados entre as partes afectadas".
En relación co outro asunto, as críticas veñen do lado do PSOE, que bota en cara ao PP que "non foi capaz de elexir xuíz de paz". A lei obriga a que a elección do cargo se faga por maioría absoluta e faltaron catro concelleiros do PP e houbo unha abstención, de maneira que houbo só nove votos e non foron suficientes.
Os socialistas lamentan non ter consensuado esta elección xa que o candidato proposto polo grupo de goberno é o mesmo que ata o de agora viña desempeñando esa función, un xubilado do concello que "realiza unha moi boa labor no seu cargo", pero non lles parece a mellor opción porque "xa conta coa súa pensión" e eles consideran que, á vista da taxa de desemprego de Cercedo-Cotobade, "deberían valorar os currículos das candidatas que se presenaron". Son persoas universitarias e desempregadas e aportan moitos méritos.