O Servizo Galego de Saúde estende a catro meses o período de vacacións
A Xerencia da Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés resolveu retornar a catro meses o período ordinario de desfrute das vacacións dos profesionais de determinadas categorías.
Tras tomar conciencia da dificultade de substitución en anos anteriores, o que impedía compaxinar o dereito dos traballadores ao descanso coa correcta garantía de asistencia sanitaria, a dirección da EOXI de Pontevedra decidiu ditar esta resolución de maneira excepcional.
Esta medida afectará de maneira especial a aquelas categorías profesionais onde se detectaron maiores dificultades de cobertura en anos anteriores. Así, pediatras de atención primaria, médicos de familia, médicos de Urxencias, enfermeiros, matronas e facultativos especialistas de atención especializada, pertencen ao sector médico de maior escaseza de persoal dispoñible nas listas de vinculacións temporais do Servizo Galego de Saúde.
Tras consultar o volume de solicitudes de vacacións en anos anteriores, concentrados na súa maioría en tres meses, a xerencia estenderá a catro os meses nos que os traballadores destas categorías máis deficitarias poderán desfrutar do seu descanso, no período de xuño a setembro, ambos inclusive.
Esta decisión axústase á vixente normativa do período vacacional e vén motivada tamén polo número de substitutos previstos para o período de descanso nos nomeados cargos. A dirección recoñece, ademais, a colaboración dos seus traballadores e traballadoras ante a adopción desta medida, co obxectivo de garantir sobre todas as cousas a asistencia sanitaria da poboación.