Suecia aplaude o modelo de mobilidade da Deputación
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, da man do vicepresidente César Mosquera, deixou este mércores pegada en Suecia co seu modelo de mobilidade.
O nacionalista visitou na súa primeira xornada de viaxe oficial ao país nórdico a oficina de planeamento urbanístico de Estocolmo e de Eskilstuna (unha cidade de preto de 100.000 habitantes), onde representantes municipais de ambas cidades aplaudiron o traballo feito en Pontevedra para recuperar o espazo público e plantexaron cuestións prácticas sobre como aplicar o modelo en terreo sueco.
Mosquera explicou a importancia de ter claros os obxectivos e de deseñar a cidade cunha prioridade clara, as persoas, en lugar de centrarse en buscar solucións a problemas como a mobilidade dos coches ou doutros sectores concretos.
O vicepresidente explicou que o espazo público é un dereito de toda a cidadanía e debe ser deseñado como tal, facilitando e promovendo a socialización. "É moi importante ter unha visión global do que se quere facer na cidade, posto que se se atenden necesidades de sectores concretas a solución non será boa", dixo.
A xornada comezou cunha visita á oficina de planeamento urbanístico de Estocolmo, e logo foi recibido, xunto co enxeñeiro municipal de Pontevedra, no concello de Eskilstuna, onde houbo unha interesante conversa sobre como aplicar o modelo de priorizar ás persoas e as solucións técnicas adoptadas tanto para calmar o tráfico e potenciar a convivencia de peóns e coches (a utilización de "lombos" e o "Plan Móvese"), como para deseñar globalmente as cidades (a través dos plans de mobilidade sustentable cofinanciados pola Deputación), en concreto en relación ao aparcamento e ao tráfico de necesidade.
O xoves Mosquera realizará a súa conferencia dentro do encontro organizado pola asociación Gröna Bilister, que reunirá a un cento de políticos, técnicos e persoas relacionadas co campo da mobilidade. O traballo feito en Pontevedra e como se está a aplicar na provincia será o principal punto da xornada. Os asistentes poderán coñecer un vídeo e diverso material impreso. O venres será a quenda da entrevista co vice-maior de Estocolmo.
Relacionadas:
-
O PP pide á Deputación que escoite as queixas dos técnicos de ambulancias sobre os lombos
Por Oskar Viéitez |
-
Mosquera reúnese cos responsables do departamento de tráfico de Estocolmo
Por Redacción |
-
A ministra de Medio Ambiente de Suecia interésase sobre como aplicar o "Modelo Pontevedra"
Por Redacción |
-
A provincia de Pontevedra, referencia na aplicación da "filosofía Tonucci"
Por Redacción |
-
Suecia interésase pola eliminación de tráfico do centro de Pontevedra
Por Anxo Lourido |