O PP de Poio pide en comisión mellorar a seguridade para coches e autobuses na 'Curva das Carballas'
Por Redacción
A mala conservación da chamada 'Curva das Carballas' no camiño de Vilar, na parroquia de San Xoán de Poio, chegou esta semana á comisión de Urbanismo. Levouna a concelleira do PP Rocío Cochón, que solicitou o acondicionamento da vía ante a perigosidade que provoca para coches e autobuses.
Cochón visitou a zona a semana pasada acompañada de veciños do lugar e comprobou que a situación é "perigosa para todo tipo de vehículos, en particular para o autobús escolar":
Este punto da vía é o lugar onde xira o autobús despois da última parada, e na curva hai un terrapén moi pronunciado que cae cara a un río. Segundo explicou Cochón, no seu momento encheuse con bloques de granito para ampliar a estrada, pero o traballo quedou a medio facer e xa houbo "algún susto". Os bloques de pedra para o recheo "aínda están aí" despois de varios anos
Segundo indicou a concelleira, cando o bus xira, apenas ten ángulo e queda moi preto do terraplén –que non ten ningún tipo de barreira–, unha situación que se ve agravada cando hai follas na estrada, que fan esvarar os vehículos.
"É unha situación moi perigosa que hai que solucionar xa", reclamou a concelleira, que demanda a ampliación inmediata desta estrada, a reparación do pavimento, moi deteriorado, e a instalación dalgunha medida adicional de seguridade para evitar caídas ao río.
Cochón tamén denunciou o abandono da zona da Armada, que ten un acceso moi estreito e, con motivo do último temporal, caeron árbores, de modo que se fai necesario despexar os accesos. A listaxe de peticións completouse coa petición dun acondicionamento definitivo para o coñecido como Camiño do Roque.