Os colexios de Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas celebran con plantacións o día da árbore
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Uns 125 rapaces do colexio de Cotobade plantaron este mércores arredor de 100 carballos nun monte veciñal en man común que se viu afectado por un incendio forestal.
Os cativos tamén presenciaron unha demostración dos equipos e vehículos de loita contra o lume da Consellería do Medio Rural.
O director xeral de Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto, participou neste acto programado con motivo do Día Internacional dos Bosques.
A LAMA
Tamén os alumnos do CEIP da Lama plantaron especies frondosas nun acto que contou coa colaboración de axentes forestais da Consellería de Medio Ambiente e realizouse grazas á autorización da comunidade de montes da Lama que accedeu a facilitar o plantado. O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, asistiu a esta actividade.
O director do centro, Rafael Sánchez-Agostiño, aproveitou para realizar unha gravación en vídeo da experiencia dentro da actividade docente que este ano está a levar a cabo o centro educativo a través do seu distintos programa docentes.
PONTE CALDELAS
E en Ponte Caldelas o alumnado de Primaria do colexio Manuel Cordo Boullosa celebrou o Día da Árbore nun acto organizado polo Concello de Ponte Caldelas e a comunidade de montes de Chaín. Os rapaces, acompañados de voluntarios da zona e do profesorado, plantaron medio cento de árbores de especies autóctonas nun dzona afectada polos incendios forestais do pasado 15 de outubro.
No acto deste 21 de marzo participaron o alcalde, Andrés Díaz, e o concelleiro, e tamén director do colexio, Manuel Barreiro en representación de todo o goberno local. A operación contou coa dirección do secretario da comunidade de montes, José Manuel Cal.
XUNTA
Con motivo desta conmemoración, instituída pola ONU no ano 2012, o goberno galego fixo pública unha declaración institucional na que chama a atención sobre a riqueza ambiental, económica e social que representan os bosques, así como sobre a necesidade de promover o seu aproveitamento sustentable.
O texto remata cun chamamento á sensibilización xeral, especialmente dos máis novos, e apela á toma de conciencia global a prol dun monte ambiental, social e economicamente vivo e con futuro.