O Bloque pregunta polo retraso nas obras da pista de atletismo de San Pedro
Por Oskar Viéitez
O concelleiro do BNG, Alfonso Fernández, preguntou ao goberno local do Concello de Marín polas "auténticas razóns" do retraso que acumula as obras da pista de atletismo de San Pedro.
O edil nacionalista critica a explicación dada polo concelleiro de Deportes, Antonio Traba, que sinalou que as obras non avanzan pola climatoloxía adversa. "Algo que este señor debeu descubrir despois de adxudicar as obras puntuando os recortes nos prazos", di Alfonso Fernández.
Nos últimos días as obras estiveron totalmente paralizadas sen nin un só operario traballando.
O pasado mes de decembro o Concello de Marín adxudicaba as obras de reforma da pista de atletismo de San Pedro ás empresas Ute Oziona, S.L. e Cronos S.L. cun orzamento de case 375.000 euros financiados pola Xunta de Galicia a través dun convenio de cooperación coa Secretaria Xeral para o Deporte, con data de inicio do 4 de decembro do 2017.
As obras, polo alcance do orzamento, foron adxudicadas a través de concurso que partía cun prazo de execución inicial de tres meses. Este prazo foi rebaixado pola empresa adxudicataria de xeito que o Concello puntuouna por riba das demais. Mais este prazo na práctica, non só non se cumpre, senón que está ampliamente superado.
Ante o retraso acumulado, o Bloque demanda ao goberno local que aclare "en base a que adxudicou as obras a unha empresa que non cumpre coas condicións do concurso e que medidas pensa tomar".