Adif restablece o tráfico ferroviario entre Vigo e Ourense, interrompido por obras
Adif restableceu este mércores ás 5.00 horas da mañá o tráfico ferroviario entre Ourense e Vigo tras a reparación do tramo entre Arbo e Frieira (Pontevedra), que fora danado a consecuencia do temporal que azoutou ás Rías Baixas hai unha semana.
As inclemencias do tempo e as fortes choivas provocaron unha deformación nas vías entre os puntos quilométricos 106/400 e 106/500, da liña de ancho convencional Monforte de Lemos-Vigo. Unha fochanca de aproximadamente 30 centímetros de lonxitude, agravada pola ausencia de vexetación na zona -o que aumentou o efecto da escorrentía de augas-, motivou a posta en marcha dun Plan Alternativo de Transporte.
Así, hoxe os trens de Renfe volveron a circular entre Vigo e Ourense, aínda que cunha limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora en dous puntos quilométricos, do 95/870 a 96/020 e do 106/300 a 106/500, onde continuarán as obras.
O primeiro servizo en "inaugurar" a vía reparada foi o tren con saída de Vigo- Guixar ás 7.05 horas, con chegada a Ponferrada ás 11.41 horas.
Desde o primeiro momento iniciáronse traballos de reparación para restablecer canto antes o servizo ferroviario. Estas tarefas retardáronse polas desfavorables condicións meteorolóxicas e o difícil acceso á zona, pero afortunadamente o servizo reactivouse e as reparacións seguirán o seu curso sen interromper o tráfico habitual.