Abren o período para solicitar praza nas dúas escolas infantís de Sanxenxo
Por Redacción
Ata o próximo 19 de abril, os pais e nais de Sanxenxo poderán presentar as solicitudes para que os seus fillos sexan aceptados nas súas escolas infantís do municipio.
As solicitudes, xunto coa documentación requirida, presentarase nos prazos establecidos no rexistro xeral do Concello de Sanxenxo.
Só se poderán presentar solicitudes fóra de prazo no caso de nacemento, acollemento ou adopción do neno con posterioridade, o cambio de concello de residencia da unidade familiar ou por circunstancias persoais ou laborais que estean debidamente xustificadas polos servizos sociais municipais.
Logo da publicación das listaxes definitivas de nenos admitidos, establecerase un prazo que vai entre o 3 e o 17 de xullo para aceptala ou rexeitala. No segundo caso, o seu lugar será ocupado por un neno ou nena que quedara en lista de espera.
As escolas infantís municipais, O Tombo e O Revel, teñen como principal finalidade a atención educativa e asistencial dos nenos de 0-3 anos, favorecendo a conciliación familiar e laboral, e prestando atención e coidado continuado aos rapaces desde ese tramo de idade.
Os nenos poden permanecer nas escolas en xornada completa (seis ou oito horas de xeito continuado ou repartidas en mañá e tarde), a media xornada (catro horas pola mañá ou pola tarde) ou a media xornada cunha hora extra.