A Deputación comeza a liberar fondos da liña 2 do Plan Concellos
Por Redacción
Quince concellos da provincia de Pontevedra son os primeiros en recibir parte das achegas que se inclúen na liña 2 do Plan Concellos da Deputación para amortizacións, pagamentos de débedas e gastos correntes. A Xunta de Goberno concedeulles 773.147 euros.
Con eses cartos, estes concellos poderán realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos.
A Lama recibirá 45.245,76 euros para a Festa do Codillo 2018, para a celebración do entroido 2018 e para a Semana Cultural. No caso do concello de Meis, a Deputación de Pontevedra achegará á vila 45.393,34 euros para a amortización de débeda con entidades financieiras.
Para Poio, as achegas ascenden a 78.500 euros para os gastos do entroido, da Festa da Ameixa e da Festa do Mar. Portas recibirá 36.040,74 euros para a amortización de débeda e ata Sanxenxo chegarán 58.000 euros para poñer en marcha o programa de Sanxenxo no verán, para as festas patronais e para os gastos do entroido.
Pola súa banda, Vilagarcía de Arousa recibirá 33.681 euros para gastos de enerxía eléctrica e limpeza do conservatorio, para a limpeza da escola municipal de música e para enerxía eléctrica de instalacións deportivas municipais. En Vilanova de Arousa, por último, as achegas ascenden a 42.600 euros para a actuación musical de verán na festa do Mexilón e para os gastos da festa do Momo.
Con estas achegas, que se suman ás que recibirán Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Moaña, Mondariz, Mondariz-Balneario, Salvaterra de Miño e Vila de Cruces, está xa concedido o 20% dos catro millóns de euros que se entregarán no marco desta liña do Plan Concellos.