Cuntis pon en marcha un programa para estender a compostaxe domiciliaria
Por Redacción
O Concello de Cuntis, en colaboración coa ONG Amigos da Terra, iniciará unha nova campaña para a promoción da compostaxe individual, similar á que se fixo no ano 2009.
O obxectivo é crear unha rede elaboración de compost a nivel domiciliario que permita o aproveitamento dos residuos orgánicos do fogar e o xardín, para o seu uso como abono orgánico, devolvendo así os nutrientes ao solo para o seu mellor aproveitamento e reducindo a cantidade de residuos que se xeran diariamente.
A propia implantación da compostaxe, entende o goberno municipal, traerá como consecuencia unha mellora na separación selectiva das outras fraccións, que inevitablemente provocará unha mellora na reciclaxe.
Todos os interesados en adherirse a este programa poderán anotarse nas oficinas do Concello ata o próximo 3 de abril.
Ademais, promoveranse unhas charlas informativas polas distintas parroquias do concello para explicar o desenvolvemento do proxecto de implantación de composteiros
O programa de compostaxe doméstica despregarase nunha ou varias parroquias, implicando ao maior número posible de familias, a fin de poder provocar unha redución de residuos representativa para o municipio e así poder reformular o modelo de xestión municipal.
O proxecto técnico irá da man do proxecto educativo, que será personalizado e consistirá nunha parte formativa inicial, unha parte de visitas de seguimento personalizadas a cada familia durante os 10 meses que dura o proxecto e unha avaliación final. A partir de entón, as familias estarán capacitadas para continuar soas.
Cuntis busca a redución da metade dos residuos orgánicos urbanos que son destinados a Sogama, o compostaxe dunha parte importante do total de residuos orgánicos xerados, o aforro económico na recollida, transporte e no tratamento dos residuos ou a separación selectiva correcta dos residuos orgánicos e mellora da dos inorgánicos.
Tamén se pretende obter un compost de calidade, utilizar o compost na xardinería local e acadar unha maior concienciación e sensibilización de todos os participantes.