O graínzo provoca en Caldas a colisión de once coches na AP-9
Por Redacción
Ata once vehículos víronse implicados en varios accidentes rexistrados na AP-9, ao seu paso polo concello de Caldas de Reis, a causa do graínzo.
Como consecuencia dos impactos, cinco persoas tiveron que ser trasladadas polo 061 a diversos centros médicos e a circulación quedou parada en ambos os sentidos da autoestrada, xa que os choques producíronse a ambos os dous lados da estrada.
Segundo o 112 Galicia, todos os avisos recibidos coincidiron en sinalar o graínzo como a causa dos accidentes, que tiveron lugar ás 20:20 horas da tarde ao redor do punto quilométrico 102.
Mentres duraron as tarefas de limpeza e retirada dos vehículos accidentados, estivo cortado o carril dereito e habilitado o esquerdo en sentido Santiago.
Polos carrís contrarios realizáronse cortes intermitentes e circulación en zigzag coa fin de facilitar o traballo dos equipos de emerxencias e dos equipos de limpeza e mantemento da vía.
A circulación quedou restablecida contra as 22.30 horas.
Unhas horas despois dos accidentes rexistrados en Caldas, tiveron lugar dous accidentes máis no punto quilométrico 142 da AP-9, en sentido sur, ao paso polo concello de Vilaboa. Neles, por fortuna, só houbo que lamentar danos materiais.