O persoal da sanidade privada pontevedresa fai unha proposta para negociar
Por Oskar Viéitez
O persoal da sanidade privada pontevedresa decidiu este mércores en asemblea achegarlle unha proposta de convenio colectivo á patronal e desconvocou o día de folga previsto para este mércores 21 de marzo. Con todo, manterían as dúas xornadas de paro convocadas para os días 26 e 27 mentres non se chegue a un acordo.
Dende as centrais con representación no sector da sanidade privada da provincia de Pontevedra (CIG, CCOO e UGT) explican que os traballadores consensuaron unha contraoferta global, que consiste en aceptar unha suba salarial do 0,50% no 2016 que se sumaría ao 1,25% do 2017, coa correspondente paga de atrasos do 0,50+1,25%.
Reclaman maior suba salarial, redución da xornada anual, plus de toxicidade e melloras na conciliación.
Este incremento dos soldos sería do 2% no 2018 e no 2019, con revisión do IPC se algún destes anos supera o 2% asinado. A patronal, pola súa banda, ofrece un 1,5%. Tamén demandan a redacción consensuada do dereito dos pais/nais a acompañar os seus fillos a pediatras e especialistas.
Finalmente, na asemblea acordouse aprazar a xornada de folga do día 21, "como proba da vontade negociadora", pero manter as xornadas do 26 e 27 de marzo, e convocar folga indefinida a partir de abril, se as negociacions previstas para a próxima semana non fructifican.