'A Lama Informa', nova ferramenta para mellorar a comunicación bidireccional Concello-veciños
Por Redacción
O Concello da Lama puxo en marcha unha nova ferramenta para favorecer a interacción cos veciños do municipio a través de dispositivos móbiles e en tempo real. Trátase dunha App de nova xeración que permitirá recibir ao momento información puntual de interese veciñal e a través dela, o usuario, poderá comunicar incidencias con xeolocalización e fotografía en calquera lugar do municipio sen custo.
A nova aplicación operará baixo o nome xenérico de 'A Lama Informa' e poderá descargarse gratuitamente nos dispositivos móbiles convencionais como smarthphones, tablets e computadores. Estará dispoñible para plataformas Android e iOS.
O alcalde da Lama, Jorge Canda Martínez, presentou aos responsables das principais asociacións e colectivos do municipio a nova ferramenta, que permitirá que o usuario reciba no seu terminal ao momento os bandos municipais, información municipal, comunicados de subvencións, axudas, períodos recadatorios, así como todos aqueles elementos de interese da administración local.
O Concello iniciará agora unha campaña de divulgación da entrada en funcionamento da nova ferramenta a través da elaboración dun tutorial en vídeo, a divulgación en redes sociais e a repartición de carteis informativos con códigos QR para unha maior facilidade de descarga desta aplicación tanto nas plataformas Android como iOS.
A través dun menú moi intuitivo, o usuario poderá dispoñer na palma da súa man de toda unha serie de información de utilidade como listín telefónico dos servizos municipais, centro de saúde, taxis, etc. que poderán accionar de forma directa sen ter que abandonar a aplicación o que fará máis cómodo e rápido o seu acceso. Non só facilitará información administrativa, senón tamén comunicacións relacionadas coa actividade sociocultural e deportiva do municipio promovida e protagonizada por colectivos sociais ou entidades de todo tipo.
'A Lama Informa' tamén será unha canle de comunicación permanente bidireccional co veciño. No menú está habilitado un apartado de 'incidencias' no que o veciño poderá trasladar de inmediato calquera anomalía nos servizos municipais para a súa rápida corrección.
Un operario municipal recibirá no seu computador un aviso de que un veciño fixo chegar ao Concello unha incidencia ben sexa de carácter relacionado coa avaría na iluminación pública, unha fochanca, unha rotura dunha tubaxe, a caída dunha árbore na calzada ou calquera outro tipo de suceso. Esta incidencia terá a posibilidade de ser recollida a través dunha fotografía realizada desde o propio menú da aplicación e trasladada con xeolocalización ao Concello.