Nace a marca "Auga de Galicia" para darlle valor as nosas augas minerais e termais
Por Redacción
O balneario Termas de Cuntis acolleu este venres a presentación da marca "Auga de Galicia". É unha iniciativa do Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia, que aglutina ás dúas asociacións empresariais galegas vencelladas á explotación do recurso: a Asociación de Balnearios de Galicia e a Asociación Galega de Empresas de Envasado de Auga Mineral Natural (Agamin). A marca conta ademais co apoio da Xunta.
O acto de presentación da marca estivo presidido polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde; acompañado do director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces.
Participaron tamén Álvaro García de Quevedo, vicepresidente do Clúster; Marisol Espiño, presidenta da Asociación de Balnearios de Galicia e directora de Termas de Cuntis; Benigno Amor, xerente do clúster e José Manuel García, vicepresidente de Agamin.
Dende o clúster púxose de manifesto a importancia de contar cunha marca que aglutine e visibilice ás empresas de auga mineral e termal da comunidade. "Contribuirá a diferenciar e darlle valor á orixe galega e ás virtudes da composición e calidade das nosas augas minerais e termais, favorecendo ademais a súa promoción exterior", sinalaron.
O conselleiro declarou que "hai que apoiar un sector que xera 1.400 empregos na súa totalidade en Galicia e nestes momentos é unha referencia de calidade e prestixio".
Galicia conta co 15% dos mananciais que hai en España, o 10% das plantas de envasado de auga mineral natural e o 19% dos balnearios.