Rouba a chave dun restaurante e días despois volve e leva carne, xamóns, queixo e viño
Por Redacción
A Garda Civil detivo un veciño de Caldas de Reis de 43 anos como presunto autor dun roubo con forza perpetrado a semana pasada nun céntrico restaurante desta localidade. Entrou no almacén do local usando unha chave que subtraera días atrás e baleirou a despensa, levando comida, bebida e aveños de cociña valorados en 1.800 euros.
A investigación da Garda Civil concluíu que o home subtraera uns días antes a chave do almacén do restaurante e o día do roubo accedeu á despensa e ás cámaras frigoríficas do local e apropiouse dunha importante cantidade de carne, xamóns, queixo e outros alimentos, ademais de varias caixas de viño e aveños de cociña.
Segundo informou a Garda Civil, o detido responde as iniciais MA.D. R. e no rexistro do seu domicilio lograron localizar e recuperar a práctica totalidade dos efectos subtraídos, así como a chave que utilizara para acceder ao restaurante.
Nas inmediacións da vivenda do arrestado recuperáronse tamén dúas carretillas de man que foran subtraídas na obra que se está realizando na parte posterior do restaurante.
O detido foi posto en liberdade unha vez instruídas as correspondentes dilixencias, coa obrigación de comparecer ante o Xulgado de Caldas de Reis cando sexa requirido.
As pescudas que deron lugar á súa detención realizáronas axentes do Equipo de Investigación da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, en estreita colaboración cos efectivos da Policía Local e do posto do instituto armado de Caldas de Reis.