O 'plantón' de Marea impide á oposición reprobar o BNG polo contrato da auga
Inesperado. Así foi o resultado do pleno extraordinario solicitado polo PP para debater sobre a licitación do novo contrato da auga. Os dous concelleiros de Marea Pontevedra decidiron abandonar o pleno, permitindo que o BNG liquidase este trámite sen demasiados apuros. A oposición quedou sen maioría para reprobar ao goberno municipal.
Nada máis comezar a sesión, Luís Rei tomou a palabra para anunciar que Marea se ía a ausentar do pleno, ao non querer tomar parte dunha "función de teatro" a cargo dun "elenco" formado polo "goberno eterno" do BNG e o seu "antagonista perfecto", o PP.
"Nos imos a participar nesta farsa", engadiu o portavoz de Marea, que denunciou que esta sesión, convocada sen que ninguén lles consultase, ía resultar sendo un "esperpento" a medio camiño entre a "provocación" e a " insolencia".
Esta decisión foi criticada polo resto da oposición, especialmente polo PP que cualificou de "circo" a actuación dos dous edís de Marea, aos que acusou de ser cómplices do "escándalo" da auga; e polo PSdeG-PSOE, que aprecia unha "falta de respecto inaceptable" e insinuou que podería estar "pactada" para que o goberno municipal mantivese a maioría.
Grazas á ausencia de Marea, o BNG tombou a proposta que secundaron PP, PSOE e Cidadáns, que pretendía instar ao Concello a paralizar o concurso da auga e que as valoracións técnicas do contrato fáganas os propios funcionarios e non unha empresa privada contando, se o necesitan, coa colaboración dun equipo externo de expertos.
O portavoz popular, Jacobo Moreira, reiterou que esta licitación está "sembrada" dunha serie de dúbidas e "suspicacias" que non deberían existir, dixo, nun contrato tan relevante. O informe de valoración realizado pola empresa Lagares Oca está "plagado" de erros "gravísimos" que deberían levar a que se "invalide" todo o proceso de contratación.
Todo o proceso, segundo Moreira, fíxose "rematadamente mal" e acusou ao goberno municipal de "non tomarse en serio" un contrato tan importante, de forma que non vaia a estar garantido que se consiga a mellor oferta posible para os intereses de Pontevedra.
Desde Cidadáns, María Rey tamén alertou da "falta de transparencia" nesta licitación e lamentou que se antepoñan o aumento de persoal ou o incremento dos gastos directos por encima dos investimentos; ou que as ofertas se valoraran en base a "quién tiene más" e non pensando en "quiçen lo hace mejor".
O socialista Agustín Fernández, pola súa banda, engadiu que este proceso estivo "cheo de lagoas e sospeitas" e que parece que se busca "beneficiar" os intereses dunha empresa privada determinada " á que se lle desbroza o camiño" dentro do que denominou o maior " pelotazo" económico do concello de Pontevedra. "Estamos a tempo de paralo todo e estudar a remunicipalización do servizo", asegurou.
Para Raimundo González, edil de Facenda, este pleno foi solicitado polo PP para "montar barullo" e dilatar no tempo o proceso de licitación, " poñendo paus nas rodas". Explicou que na mesa de contratación "en ningún momento pediron nada" e defendeu que "todas as administracións" recorren a empresas privadas para realizar valoracións técnicas.
Ademais, o edil do BNG criticou que o PP, afectado por casos de corrupción como Gurtel, Púnica ou Lezo "pretenda sementar dúbidas" sobre un proceso de contratación que está a ser "limpo e transparente". A pesar diso ironizou que, ante a ausencia de Marea e o voto en contra do goberno, "pouco lle durou este xoguete".
Relacionadas:
-
O informe técnico cuestiona catro das dez ofertas presentadas ao concurso da auga
Por Alejandro Espiño |
-
Ofertas "a tope de power" no controvertido concurso da auga
Por Oskar Viéitez |
-
Mareas da ría 'brindan' polo rescate da auga e por mancomunar o servizo
Por Alejandro Espiño |
-
A mesa de contratación do servizo público da auga aproba o informe dos técnicos
Por Oskar Viéitez |
-
O novo informe non resolve, segundo o PSOE, o "escándalo" do concurso da auga
Por Redacción |
-
A mesa de contratación do concurso da auga volverase a reunir o luns
Por Redacción |
-
O contrato da auga, a debate o venres nun pleno extraordinario
Por Alejandro Espiño |
-
Medran no PP as dúbidas e suspicacias sobre á licitación do contrato da auga
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno local cre que a oposición "falta ao respecto aos técnicos municipais"
Por Redacción |