Poio reduce a súa taxa de criminalidade nun 1%
Por Oskar Viéitez
Poio celebrou este venres a súa Xunta Local de Seguridade na que a subdelegada do goberno en Pontevedra, Ana Ortiz, informou que as taxas de criminalidade no municipio de Poio mantéñense estables respecto de anos anteriores, coa singularidade de que no 2017"hemos bajado los índices generales un 1%", en concreto, o descenso foi do 1,31% das infraccións penais e ademais aumentaron as infraccións administrtivas nun 11,67% e aumentou o número de esclarecemento de delitos nun 5,31%.
O pasado ano rexistráronse 452 delitos en Poio, esclarecéndose 238 infraccións penais. Foron practicadas un total de 78 detencións.
Ana Ortiz destacou a "excelente colaboración" que mantén a Garda Civil e a Policía Local que creemos que es fundamental para la ciudadanía y para la percepción de que, efectivamente, estamos más presentes en el municipio", dixo a subdelegada.
Pola súa banda o alcalde, Luciano Sobral, lembrou que Poio levaba catro anos sen celebrar unha Xunta Local de Seguridade polo que agradeceu á subdelegada a iniciativa e a "exquisita" colaboración que mantén os axentes municipais coa Garda Civil e a Policía Nacional o que redunda en "unha contorna máis segura" e en que os cidadáns sexan "máis felices".
Na xunta local de seguridade tamén se tratou a solicitude do Concello de Poio para unirse ao convenio VioGen de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero, un sistema implantado polo Goberno que permite a mellor coordinación entre as forzas e corpos de seguridade neste ámbito facilitando o acceso á Policía Local á plataforma dixital do Ministerio de Interior, que permite gravar e facer seguimento das vítimas. Accederán do mesmo xeito que Garda Civil, Policía Nacional ou Policía Autonómica.
Nesta materia tamén é fundamental o intercambio de información co Centro de Información á Muller de Poio que acolleu o pasado ano a máis de 50 novas mulleres que solicitaron axuda por malos tratos.
A subdelegada do Goberno comprometeuse a trasladar esta solicitude de adhesión do Concello de Poio a este sistema Viogen á Secretaría de Estado "para poner en marcha lo antes posible" e incrementar así "la lucha contra esta lacra en la que estamos todos implicados".
Ana Ortiz recoñeceu que na análise dos datos delincuenciais do concello de Poio un elemento que ten gran influencia é o poboado chabolista do Vao, ao que popularmente se denominou como o supermercado da droga do sur de Galicia.
Neste sentido, Luciano Sobral precisou que desde que se iniciou o asentamento chabolista no Vao no ano 1962, e ata agora houbo "épocas moi malas nos anos 80-90" co tráfico de heroína converténdose no foco de criminalidade do municipio, pero agora cre que nos atopamos "nun momento un pouco máis tranquilo" un mérito que se está conseguindo "entre todos", sendo "fundamental a presenza policial, pero tamén o traballo social".
Na reunión tamén se tratou do reforzo de seguridade durante o verán, sobre todo en determinados eventos como a Festa do Mar, "sempre se pode mellorar, pero estamos satisfeitos da colaboración hai", concluíu o alcalde.