Do "muro de Trump" a Reagan e Gorbachov e acusacións de "mentireiro"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O pleno ordinario da corporación de Pontevedra deste venres tivo unha visita inesperada e polémica. Un grupo de veciños de Cerponzóns presentouse no Teatro Principal para facer ver o seu rexeitamento á construción dun muro de formigón na obra do centro social da parroquia, unha problemática que o grupo municipal do PP levaba nunha moción e na que os veciños asistentes insistiron en cualificar de "mentira" as explicacións do goberno local e chegaron a interromper o normal funcionamento da sesión.
Os veciños chegaron con pancartas que resumían as súas reivindicacións e recibiron con aplausos as intervencións dos concelleiros de PP, Marea, PSOE e Cidadáns. A intervención do concelleiro do BNG Demetrio Gómez, encargado de achegar a versión do goberno local sobre o particular, espertou o seu enfado e as súas acusacións de mentireiro".
A moción pide a paralización das obras na contorna do centro social e saíu adiante cos votos de todos os grupos da oposición, contando coa postura contraria do grupo municipal do BNG, que defende que esta actuación é resultado dun "proceso exemplar" que se debateu e decidiu no consello parroquial de Pontevedra.
Durante a intervención deste edil, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, tomou a palabra e chamoulles a atención pola súa actitude e pediulles: "fagan o favor de escoitar. Aquí o público non fala". Cando eles lle responderon: "Pois que non diga mentiras", o rexedor municipal aclaroulles que non entraría en debate con eles, pois "o alcalde non debate co público".
O concelleiro do PP César Abal defendeu a moción do seu grupo acusando o goberno local de poñer en marcha un "muro da vergoña" e de non escoitar aos veciños que protestan desde hai semanas por ese proxecto. "Vostedes fan o muro de Trump, porque non ten finalidade ningunha", criticou o edil, que na súa réplica, citou unha conversa entre os líderes de Estados Unidos e a Unión Soviética durante a Guerra Fría, Ronald Reagan e Mijaíl Gorbachov, na que o primeiro pedía ao segundo: "derruba o muro", en referencia ao de Berlín.
César Abal considera que ese muro, que ocupa parte da calzada e impide o aparcadoiro de vehículos, é "totalmente desafortunado", ao que os veciños engadiron, desde o público, que se trata dunha "chapuza".
Máis directa e contundente nas súas afirmacións foi a concelleira de Cidadáns, María Rey, que se fixo eco das queixas dos veciños de Pidre e Meán, os máis afectados pola obra do centro social, e criticou que "non ten sentido eliminar aparcadoiro" na contorna dun local ao que non se pode acudir andando. "Intentan impoñer un modelo urbano cando non somos urbanitas", indicou reproducindo as reivindicacións veciñais.
O portavoz do PSOE, Tino Fernández, lembrou ao goberno local que "non é novo que vostedes metan a pata no rural" e a edil de Marea, Carmen Moreira, apelou á necesidade de que Pontevedra teña un regulamento de participación cidadá "para lograr consenso nos asuntos coma este".
Demetrio Gómez criticou aos políticos da oposición que "é unha vergoña" que pidan a paralización dunha obra que está xa moi avanzada e defendeu que este proxecto responde á intención de que os veciños de Cerponzóns teñan os mesmos dereitos que o resto de pontevedreses e veciños doutras parroquias para ter un punto de centralidade parroquial de alta calidade urbana.
A sesión plenaria tamén serviu para aprobar unha moción presentada pola concelleira de Cidadáns para solicitar a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción de Policía Nacional na cidade. Durante o debate desta moción, estiveron presentes no salón tres representantes do sindicato policial Unión Federal de Policía (UFP), que está a ser moi activo nas súas demandas respecto diso.
Todos os grupos da corporación apoiaron por unanimidade a proposta de María Rey, que inclúe a petición de máis efectivos da Policía Nacional para a cidade para resolver o déficit de persoal actual, superior ao 30%.