Últimas choivas de cara a unha semana de sol e temperaturas suaves
As choivas que nos acompañararon durante toda a semana irán remitindo a medida que avance a fin de semana. Os valores oscilarán entre os 5 e os 16 graos, nun período previo á Semana Santa onde non haberá precipitacións e as temperaturas permanecerán suaves.
Durante a xornada do sábado 17, Galicia quedará nunha situación intermedia. Malia que os ceos estarán anubrados e con posibilidade de precipitacións na mañá, por mor da presenza dunha borrasca no norte de Portugal, as choivas irán remitindo co avance do día. A cota de neve situarase nos 800 metros e as temperaturas, aínda que as máximas se atopen en descenso moderado, non baixarán dos 6 graos nin superarán os 13. Os ventos soprarán frouxos de compoñente oeste.
O vento do norte será o grande protagonista durante o domingo 18. Teremos ceos parcialmente cubertos e volverán as choivas nas primeiras horas da tarde, e co avance do día caerán en calquera punto das Rías Baixas. A cota de neve descenderá progresivamente ata chegar aos 400-500 metros no final do día. As temperaturas non sufrirán cambios respecto ás do sábado.
Co inicio da semana toca despedir o inverno coa presenza dunha baixa sobre o Cantábrico, que non afectará á provincia de Pontevedra. As temperaturas seguirán oscilando entre os 6 e os 13 graos. Os ceos do luns 19 permanecerán nubrados e a cota de neve situarase ao redor dos 600 metros, pero non se agardan precipitacións para esta xornada.
Segundo á predicción a medio prazo de MeteoGalicia, a vindeira semana caracterizarase pola presenza de aire frío e ventos do norte, o que deixará neve en cotas máis baixas que en días anteriores. Malia isto, non se agardan precipitacións ata a xornada do venres 23, e as temperaturas máximas sofrirán un ascenso progresivo ata rozar os 16 graos.