Aumentan a 18 anos e 9 meses a petición de condena para o vigués que apuñalou a súa ex parella
Por Oskar Viéitez
Na segunda e última sesión do xuízo celebrado este xoves na Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra, a Fiscalía aumentou a 18 anos e 9 meses a petición condena para Juan Carlos Fariñas autor confeso do intento de asasinato a súa ex parella, Mónica F. F.
No seu informe definitivo, o fiscal xefe da Audiencia de Pontevedra, Juan Carlos Aladro ademais de modificar a petición de pena inicial de 14 anos e 11 meses de cárcere, tamén solicitou que o tribunal lle impoña en concepto de responsabilidade civil un incremento do 20% sobre os 440.273 euros demandados e, ademais da pena de cadea, solicita unha orde de afastamento da vítima a unha distancia non inferior a 500 metros por un período superior a dez anos á pena de prisión que se lle impoña.
A avogada da acusación particular adheriuse a esta petición nos mesmos termos.
O Ministerio Fiscal entende que o acusado é autor dun "delito de asasinato en forma de execución imperfecta de tentativa" no que concorren varias agravantes: o ensañamento, a aleivosía, o disfrace e o parentesco.
No seu informe, o fiscal expuxo que o acusado é "el prototipo de un agresor en materia de violencia de género" que planeou "minuciosamente" a súa actuación en forma de "traición, emboscada, trampa, acecho" actuando dunha determinada maneira para "asegurar su resultado" aproveitándose dunha situación de "desvalimiento" na súa vítima que "le impide cualquier forma de defensa". Primeiro noqueouna dunha forte puñada na cara, logo apuñalouna no costado tentando chegar ao corazón, despois arrastrouna e golpeouna ata o soto do edificio onde lle cravou o coitelo no pescozo.
O acusado é "el prototipo de un agresor en materia de violencia de género"
Segundo declararon os forenses, que a vítima siga viva "é un milagre" aínda que presenta importantes secuelas "físicas e psíquicas", entre outras, perdeu parte da lingua e non pode deglutir con normalidade e está incapacitada de forma permanente para volver facer o seu traballo.
A Fiscalía tamén considera que o agresor produciu un "aumento deliberado e innecesario del mal" á súa vítima "haciéndola sufrir de una forma fría y calculada" deixando que se desangrase durante 10 minutos mentres esperaba a súa morte. E para demostrar a súa falta de desistencia o fiscal engadiu que o acusado subiu logo á muller coche pero deixouna a máis de 50 metros de Urxencias do hospital Povisa, onde ambos traballaban. Ela tivo que percorrer andando esa distancia mentres perdía sangue.
Finalmente o fiscal xefe insistiu en que o acusado "no tiene ningún trastorno de la personalidad ni del comportamiento" en referencia aos informes do psiquiatra forense contratado pola defensa sinalan a existencia dun trastorno adaptativo que lle levaría a autolesionarse en varias ocasións, un diagnóstico que "los profesionales usan como un cajón de sastre" e que, en todo caso, non afecta as súas capacidades.
Ademais, durante a vista oral, os distintos compañeiros de traballo do agresor e a súa vítima coincidiron en describir a Juan Carlos como unha persoa "mentireira" e que non asumira a ruptura con Mónica pola que estaba "obsesionado" chegando mesmo a "seguila" e a protagonizar algúns episodios nos que xa revelara un carácter "agresivo".
O xuízo quedou visto para sentenza.
Relacionadas:
-
Arrepentirse non é abandonar á súa ex noiva a 30 metros dun hospital tras acoteitala no pescozo
Por Redacción |
-
Condenado a case 15 anos de prisión por acoitelar a súa ex noiva, á que deixou moribunda ao pé do hospital
Por Natalia Puga |
-
Confesa que acoitelou á súa ex e deixouna moribunda na porta de urxencias: "Sí, fui yo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |