PP e PSOE enfróntanse no Parlamento galego pola rehabilitación do Pazo de Lourizán
Por Redacción
O grupo socialista presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei na que insta o goberno da Xunta a rehabilitar o edificio do Pazo de Lourizán. Os deputados do PSdeG-PSOE, liderados por Patricia Vilán, sinalan que o executivo autonómico comprometeuse en 1991 a través dun convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, que foi ratificado en 2000, a adoptar as medidas necesarias para recuperar e conservar este edificio de aire romático, pertencente ao século XIX.
Segundo indican, as obras de conservación da zona nobre do conxunto da leira do inmoble corresponden por ese convenio á Xunta de Galicia. Os socialistas cualifican de "lamentable" o estado de conservación do pazo e así consta na memoria técnica sobre as intervencións precisas para a súa conservación, elaborada polo Servizo de Arquitectura da Deputación de Pontevedra.
Ese informe indica que para a recuperación son necesarios máis de 14 millóns de euros xa que hai dinteis rotos, humidades, presenza de liques, áreas colonizadas por algas e a cuberta do cara sur do edificio está a comezar a afundirse con risco para a seguridade debido ao material eléctrico que hai na zona.
RESPOSTA DO PP
O Partido Popular respondía a esta proposición non de lei a través do deputado Jacobo Moreira. O representante do PP criticou que o PSOE pida agora que a Xunta rehabilite o Pazo cando desde a Deputación de Pontevedra, gobernada polo bipartito formado por PSOE e BNG, rexeitouse a creación dun centro de investigación neste edificio co financiamento de Ence.
Moreira culpou ao Partido Socialista de que o Pazo de Lourizán se atope nesta situación ao negarse a aceptar a proposta realizada pola Xunta hai dous anos para a rehabilitación a través da empresa pasteira cun investimento de cinco millóns para as obras e outros cinco destinados a proxectos de investigación.
O deputado popular afirmou en sede parlamentaria que esta solución da Xunta era boa económica e tecnicamente, ademais de que permitía axilizar prazos sen que a administración pública perdese a titularidade destas instalacións.
Relacionadas:
-
Demanda parlamentaria á Xunta para que rehabilite o Pazo de Lourizán
Por Redacción |
-
Silva e Rueda, outro ano de desencontros
Por Oskar Viéitez |
-
Carmela Silva solicita a Cultura que "faga cumprir a lei" e obrigue a rehabilitar o Pazo de Lourizán
Por Natalia Puga |
-
Rueda dille á "estimada presidenta" que Ence é a solución da Xunta para rehabilitar o pazo de Lourizán
Por Oskar Viéitez |