Suspenden as actividades no exterior nos centros educativos por un temporal de vento
Por Oskar Viéitez
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta vén de activar a alerta laranxa por vento a partir da madrugada do mércores na práctica totalidade das catro provincias.
A Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender as actividades no exterior nos centros educativos situados na provincia de Pontevedra. Para o caso de que as circunstancias da localidade onde se atopa o centro supuxesen un risco superior ao declarado e pasase a unha declaración de nivel superior, as direccións poderán adoptar as decisións oportunas respecto da suspensión das actividades extraescolares.
Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das primeiras horas da madrugada do mércores 14 de marzo haberá refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora nas Rías Baixas, entre outras zonas.
Ademais da alerta por vento, o mércores tamén estará activa unha alerta amarela por chuvias.
O Concello de Pontevedra, a este respecto, mantén activado o dispositivo de emerxencia dende o mediodía do martes.
Todos os servizos de emerxencia do Concello (Policía, Bombeiros e Protección Civil) están en situación de alerta, así como diversos servizos municipais técnicos e de apoio, as empresas concesionarias (do servizo de augas, xardíns e limpeza), ademais de empresas colaboradoras para dispor de certa maquinaria pesada que poida resultar necesaria para algunha intervención.
Todos estes equipos están baixo a coordinación da Concellaría de Protección Cidadá, que xestiona a tenente de alcalde Carme da Silva.
Polo momento, o Concello recomenda evitar as actividades deportivas ao exterior e extremar as medidas preventivas e de seguridade. De adoptar outras medidas, como o peche das instalacións, manterán oportunamente informada a la ciudadanía.
RECOMENDACIÓNS
Ante a alerta por vento, recórdaselle á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar as actividades ao aire libre ou os desprazamentos; en todo caso, antes de coller o coche, consultar o estado das estradas; non empregar vehículos lixeiros, como bicicletas ou ciclomotores; afastarse de edificios ruinosos, árbores, paneis publicitarios, estadas e obxectos que sexan susceptibles de desprazarse co vento; ou retirar das fiestras, dos balcóns e dos tellados calquera obxecto que poida caer á rúa.