Unha aplicación móbil servirá como guía turística para os que visiten Pontevedra
Por Redacción
Visitar Pontevedra agora tamén é unha experiencia audiovisual. Grazas á aplicación móbil "Soundwalkr", os turistas poderán facer dous percorridos pola cidade guiados por unha audio-guía que relata dúas historias, a primeira "Segredos de Pontevedra" e a segunda "Prazas de Pontevedra".
Esta iniciativa promovida pola Asociación de Hoteis de Pontevedra recibe o apoio da empresa Ence, sendo esta unha das medidas levadas a cabo no seu Plan Social.
Os arquivos de audio, que normalmente teñen un custo de entre 3 e 4 euros, poderán ser descargados polos usuarios por 0,99 céntimos grazas ao patrocinio da empresa. Ademais, os clientes dos establecementos que forman parte da Asociación de Hoteis de Pontevedra poderán acceder a unha das 1.000 descargas gratuítas dispoñibles.
Como obxectivo principal deste proxecto está o impulso á calidade de Pontevedra como destino turístico. Achegando esta nova ferramenta, ademais, os propios pontevedreses poderán revisitar algún dos sitios máis emblemáticos da súa cidade.
O guión das audio-guías foi escrito pola pontevedresa Milagros Bará, e neles cóntanse historias como a do tesouro do pirata Benito Soto ou a das monxas emparedadas na rúa Tetuán.
Pontevedra é o primeiro destino europeo elixido pola start-up latinoamericana Soundwalkr, que foi distinguida o pasado febreiro no Future of Travel Summit 2018 celebrado en Florida como un dos 10 emprendementos globais máis interesantes para o sector turístico.
Antonio Casal, director de Ence en Galicia, foi o encargado de presentar o proxecto no Parador de Pontevedra este martes 13 de marzo. Xunto a Meritxell Marcos, directora do Parador, lembrou aos asistentes que este tipo de iniciativas serven para a creación de postos de traballo, a través da consolidación de actividades económicas arraigadas en Pontevedra como é o turismo.
Relacionadas:
-
Un autobús interactivo anima aos pontevedreses para visitar o norte de Portugal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A ocupación hoteleira incrementa as súas cifras na provincia respecto o ano anterior
Por Alejandra Iannone |
-
A Deputación constitúe a Mesa do Turismo con representantes do sector público e privado
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |