Sanxenxo reparará 1,5 quilómetros de vías municipais
Por Redacción
Un total de 110.400 euros con cargo ao Plan Concellos da Deputación. É o investimento que realizará o goberno municipal de Sanxenxo para afrontar unha serie de traballos de pavimentación e reparación de vías no termo municipal.
O Concello solicitou tres presupostos a tres empresas diferentes e publicará a licitación no perfil do contratante da páxina web municipal.
Para a elección destes viarios, elaborouse unha lista de prioridades e urxencias no seu momento, e aínda que hai outros en mal estado, as seleccionadas presentan unha deterioración considerable, coa capa de rodaxe gretada e con importantes roturas no pavimento.
O proxecto inclúe a pavimentación e reparación de rúas e camiños que suman 1,5 quilómetros: a Rúa Vento e a Rúa das Cunchas, en Sanxenxo; o camiño Recarei-Igrexa, en Dorrón; o camiño Major, en Noalla; e os camiños Lagarei-Arnosa e Salgueira, en Vilalonga.
A actuación consistirá na limpeza das beiravías e as marxes, fresados localizados e apertura dunha caixa na plataforma para a dotación dunha capa base (de zahorra ou macadam) e o bacheo para a regularización do firme.
A continuación, estenderase unha capa de rodaxe con mestura bituminosa en quente e a posta das tapas das pozas de rexistro e a sinalización horizontal.
Unha vez adxudicada a obra, márcase un prazo para a súa execución de dous meses.