Marín edita un bando de prevención dos incendios coas obrigas da nova normativa
Por Oskar Viéitez
Nestes días o Concello de Marín está colocando nos paneles informativos das distintas parroquias o bando que vén de editar a alcaldesa María Ramallo e que leva por título: "Recordatorio das obrigas en materia de prevención de incendios".
Neste bando indicase que logo das modificacións fiscais e administrativas introducidas o pasado 26 de decembro na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, as personas físicas ou xurídicas titulares do dereito de aproveitamento sobre os terreos forestais e os terreos situados nas zonas de influencia forestal nos que teñan os seus dereitos, antes de que remate o mes de maio están obrigadas a xestionar a biomasa vexetal existente no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa.
Isto é, unha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, así como ó redor de edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, parques e instalacións industriais e construccións illadas en solo rústico.
Está incluida a obriga, no seu caso, da retirada de especies arbóreas na devandita franxa de 50 metros. Non poderá haber piñeiros, eucaliptos nin acacias. É dicir, terán que executar os traballos comúnmente coñecidos como labores de "tala e roza".
Polo exposto, chegado o remate do mes de maio, o Concello de Marín comunicará ás persoas que incumpran o anterior, á súa obriga de xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas prohibidas concedéndolle para facelo un prazo máximo de quince días naturais, ou de tres meses no caso das franxas laterais das vías de comunicación, contado desde a recepción da comunicación.
A comunicación advertirá de que, en caso de persistencia no incumprimento transcorrido dito prazo, poderase proceder á execución subsidiaria con repercusión dos custes de xestión da biomasa e, no seu caso, decomiso das especies arbóreas prohibidas retiradas pola administración sen prexuízo da instrucción do procedemento sancionador que corresponda.
Finalmente o bando advirte que o incumprimento destas obrigas conleva a imposición de multas coercitivas e as sancións que resulten.