A neuroeducación e a impresión 3D súmanse aos cursos de verán do campus
Por Redacción
Desde este luns está aberto o período de inscrición para os cursos de verán que ofrece o campus de Pontevedra, centrados en eidos coma a aplicación dos últimos avances da neurociencia no proceso de aprendizaxe ou as posibilidades que achega á produción artística a impresión tridimensional, xunto coas novas tendencias na prevención e recuperacións de lesións no deporte e as posibilidades que outorga a robótica e o encerado dixital no ensino das ciencias.
Con 250 prazas en conxunto e abertos á participación de toda a cidadanía, estas catro propostas desenvolveranse no mes de xuño nas facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Belas Artes.
O director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, salientou que nestes cursos combínanse "novas propostas que serven tamén para completar a formación do alumnado do campus, xunto con cursos que tiveron moi boa acollida en anteriores edicións".
A profesora de Ciencias da Educación e do Deporte, Margarita Pino, é a responsable de Aplicacións da neuroeducación na escola. Entre o 4 e 8 de xuño, o grupo de investigación Gies-10, abordará técnicas e estratexias para aumentar a motivación do alumnado na aula ou para facilitar a inclusión tanto de alumnado con dificultades de aprendizaxe como con altas capacidades.
Nesta facultade desenvolverase tamén, entre o 5 e o 21 de marzo, Ensinar ciencias con robótica, programación e produción de contidos multimedia para encerado dixital, un taller coordinado pola profesora María Álvarez Lires.
Estratexias para a prevención e recuperación de lesións na actividade física e o deporte, é un curso dirixido polo catedrático Carlos Lago que, entre o 4 e o 6 de xuño en Ciencias da Educación e do Deporte, poñerá o foco nas novas tendencias na prevención e recuperación de lesións, dar a coñecer as posibilidades laborais que no eido do deporte.
Por último, tamén o 4 de xuño dará comezo, na Facultade de Belas Artes, outra das novidades desta oferta formativa, o curso Facendo físico o intanxible. Introdución á impresión dixital tridimensional, unha actividade centrada no aspecto creativo desta tecnoloxía e as súas posibles aplicacións no ámbito das artes plásticas e belas artes en xeral.