Sanxenxo, preocupado pola perda da biodiversidade na comarca
Por Redacción
A comarca do Salnés, e máis concretamente o complexo intermareal protexido Umia-O Grove, está a perder biodiversidade de maneira acelerada. Niso coinciden varios grupos que estudan este ámbito ambiental. Por iso é polo que Sanxenxo estude adoptar unha serie de medidas.
A concellería de Medio Ambiente explica que se trata de iniciativas que buscan a protección de espazos de gran valor ecolóxico e con especies de interese, por estar protexidas ou por ser escasas e con perigo de desaparecer.
Unha dela será protexer o ámbito de influencia dunha pequena poboación de Lupinus micranthus, unha planta de distribución mediterránea descuberta en 2006 no cantil de Punta Corveiro e, posteriormente, nas inmediacións da capela da Lanzada.
Son as dúas únicas poboacións desta especie que se coñecen en Galicia. As plantas que nacen cada ano son destruídas polas persoas que camiñan pola zona, xa que crecen nos terreos de acceso.
Isto está a provocar que cada ano sexan menos as plantas que aparecen, existindo un risco moi elevado de desaparición nun curto prazo de tempo. Por iso, o goberno delimitará a zona na que se atopan os exemplares de Lupinus micranthus que estean en risco de ser destruídos, e instalaranse paneis informativos sobre esta especie.
Ademais, outra das medidas para poñer en marcha será a de substituír as especies vexetais que crecen na actualidade nalgúns parques públicos por especies autóctonas.