O IES Torrente Ballester mellorará o parking e a rede de augas para o próximo curso
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou durante a mañá deste luns o IES Torrente Ballester, por mor das obras que se realizarán no devandito emprazamento nos próximos meses.
Trátase duns traballos de mellora e saneamento do centro para separar as augas pluviais das fecais e evitar así verteduras á rede de sumidoiros municipal, co obxectivo de mellorar o sistema de augas residuais do instituto. Doutra banda, a zona de acceso ao centro tamén será asfaltada, así como a área de aparcadoiro do mesmo.
As tarefas de reforma consistirán na limpeza e varrido de toda a superficie a tratar, a regularización con mestura bituminosa quente e rega de adherencia. Finalizarase cunha capa de rodaxe de cinco centímetros de espesor, coa que se espera solucionar os problemas de acceso existentes.
A obra, que conta cun orzamento de case 30.000 euros, está prevista para os meses de verán cun prazo de execución de 20 a 25 días, coa intención de dificultar o menos posible o desenvolvemento do curso escolar. Como explicou Cores Tourís, as obras comezarán cando o Concello remate os traballos de saneamento xerais que se realizarán no barrio, o que facilitará o enganche das novas tubaxes.
O delegado estivo acompañado durante a visita polo xefe territorial de Educación, César Pérez, responsables da Unidade Técnica e da Inspección deste departamento e o director do instituto, David Castro, que quixo destacar a activa colaboración existente entre a Administración e o centro. "Lo más importante para nosotros es que las obras se llevarán a cabo fuera del período lectivo, para que no afecten a las actividades docentes del centro”, señaló.
A Xunta de Galicia continúa así cun plan integral de mellora e renovación en distintos centros educativos da cidade. Máis de dous millóns de euros foron adxudicados nos últimos días para a posta en marcha de diversos proxectos en centros de Primaria e Secundaria, segundo detallou Cores Tourís.