Os socialistas demandan o arranxo da antiga residencia da ONCE para o seu uso por asociacións de iniciativa social
Por Oskar Viéitez
O grupo municipal socialista demanda ao Concello de Pontevedra o acondicionamento do Centro Sur para o seu uso por asociacións de iniciativa social.
"Se hai mais dun millón de euros para comprar un local a un banco para trasladar os servizos administrativos, tamén debe habelos para acondicionar un edificio como o Centro Sur para que poida ser utilizado por asociacións de iniciativa social" manifestou Tino Fernández, portavoz do PSOE no concello tras presentar unha proposta para que se invista no arranxo da antiga residencia da Once, actualmente xa cedida ao concello.
Na súa proposta lembran que a Casa Azul está "totalmente saturada" e que "hai asociacións que prestan uns servizos indispensables e necesitan un espazo de forma continuada".
Os concelleiros do PSOE poñen como exemplo á Asociación de Párkinson. Esta asociación dá cobertura a 3.500 persoas na provincia de Pontevedra das que máis de 300 viven en Pontevedra. Ademais da labor de apoio as familias, presta servizo de fisioterapia, logopedia e hidrocinesiterapia, terapias moi importantes para mellorar a calidade de vida dos enfermos e na actualidade non dispoñen dun espazo adecuado para levar a cabo o seu traballo.
Insisten os concelleiros do PSdeG en que hai outras asociacións que se atopan nunha situacion similar. "Este tipo de colectivos fan unha labor impagable atendendo necesidades dos doentes ás que non chega o sistema sanitario. O concello debe ser sensible a iso"
O PSOE valoran coma "moi mellorable" a política social do goberno do BNG.
"As queixas se suceden e incluso o alcalde tivo que substituír á concelleira responsable. Estase a tirar pola borda o traballo feito polos socialistas en outros mandatos. Da a sensación que os mais necesitados non entran nos cálculos electorais do señor alcalde", finalizou dicindo o portavoz socialista.