60.000 euros para a mellora de estradas municipais de Cuntis
Por Redacción
O Concello de Cuntis realiza con medios propios un estudo previo para actuacións de mellora de viarios nas zonas rurais do municipio. O goberno local detectaba actuacións de carácter urxente en Guldrigáns, un viario de acceso desde a zona industrial de Arán e en Laxos e en Vilar de Mato.
Trátase de viarios que nestes momentos precisan ser priorizados cunha intervención urxente. Unha situación similar afecta a viarios nas parroquias de San Mamede, Arcos e Estacas. O goberno local ten previsto realizar contratacións externas, ademais de actuacións con maquinaria propia e servizos municipais, tanto de asfaltado como de roza e execución de mantemento de sinalización.
O orzamento inicial ascende a máis de 60.000 euros co obxectivo de mellorar os viarios de titularidade municipal nunha rede moi extensa especialmente polo desenvolvemento de zonas de concentración parcelaria.