A Lama reacciona contra a intención da Xunta de extinguir e liquidar a Fundación Colonias Escolares
Por Oskar Viéitez
A veciñanza da parroquia de Covelo, no concello da Lama, convocados pola Asociación de Veciños de Laxedo, decidiron por unanimidade presentar un escrito de impugnación á decisión do padroado de disolver a fundación rectora das Colonias Escolares que fundou Manuel Barreiro Cabanelas, máis coñecido como Conde Cabanelas, e onde a Consellería de Educación conta coa maioría da representación no seu órgano rector.
Os asistentes á asemblea aprobaron tamén a contratación dun avogado especializado en asuntos relacionados con fundacións coa intención de que "o máis urxentemente posible" interpoña escrito de paralización do proceso de extinción "co fin de velar polos intereses da veciñanza da parroquia de Covelo" que consideran que é "un patrimonio que lle corresponde ao pobo".
A esta xuntanza asistiron convidados o alcalde da Lama, Jorge Canda, o voceiro do PSdeG-PSOE, Enrique Vaqueiro, e o concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, así como a práctica totalidade da corporación municipal que amosaron a súa total disponibilidade a apoiar as decisións e as accións que neste tema leve a cabo o pobo de Covelo a través da asociación de veciños de Laxedo.
Os voceiros dos tres grupos políticos con representación na corporación municipal anunciaron a súa disposición unánime a levar ao vindeiro pleno, que se celebrará o 22 de marzo, unha moción conxunta respaldando as demandas dos veciños de Covelo.
A petición dos veciños, o alcalde solicitará este mesmo luns unha xuntanza urxente cos membros do padroado coa intención de que asistan á reunión o rexidor e representantes veciñais coa misión de pedir explicacións sobre ese procedemento de extinción iniciado e coa idea clara de abortar a liquidación patrimonial da fundación ao tempo que queren "negociar alternativas e solucións para evitar que morra e desapareza unha obra altruísta como a que fixo o Conde Cabanelas".
"Queremos todo o contrario, esiximos senón que se poñan os medios necesarios que posibiliten o seu rexurdimento e reflotamento corrixindo así a situación de abandono na que se atopa e á que nunca se debeu deixar chegar", indicou o presidente da Asociación de Veciños de Laxedo que anunciou que buscará os máximos apoios, incluídos a dos estamentos aos que o Conde Cabanelas axudou no seu tempo como o propio Hospital Provincial de Pontevedra onde hai unha estatua erixida na súa honra polas doazóns feitas para que puderan construirse varias das súas instalacións sanitarias.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, aclarou que el non votou a favor da disolución da Fundación das Colonias Escolares de Covelo e o paso da propiedade a patrimonio municipal á vez que asegura que neste tema "sempre fun dá man dos veciños e sempre estiven e estarei ao lado deles".
Relacionadas:
-
Alertan de que a extinción das Colonias Escolares supón unha perda de 50 empregos para A Lama
-
O BNG demandará no Parlamento a continuidade do padroado das Colonias Escolares
Por Redacción |
-
Jorge Canda suma o apoio de Carmela Silva para salvar as Escolas de Covelo
Por Redacción |
-
Unanimidade na Lama para recorrer a disolución do padroado das colonias escolares de Covelo
Por Redacción |
-
Jorge Canda propón á Xunta a posibilidade de que o Concello asuma as colonias de Covelo
Por Oskar Viéitez |