O 112 xestiona 264 pequenas incidencias na provincia durante o temporal
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O paso da borrasca 'Félix' fíxose notar durante toda a xornada do sábado e a madrugada deste domingo 11 de marzo.
O Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia xestionou durante o adverso meteorolóxico un total de 671 incidencias en toda Galicia, das cales 264 tiveron lugar na provincia de Pontevedra.
A maioría destes avisos producíronse a partir das 18:00 horas do sábado, debéndose principalmente a caía de árbores e ramas en calzadas ou por obxectos e restos varios na rede de estradas, aínda que tamén se recibiron alertas por algún derrubamento ou inundación.
Así, o 112 sitúa entre os municipios máis afectados aos de Pontevedra, Sanxenxo ou Vilanova de Arousa.
En todo caso a incidencia do temporal durante a madrugada foi menor da esperada, limitándose por exemplo as saídas dos Bombeiros de Pontevedra a unhas ramas caídas na zona da Xunqueira de Alba ou a varias árbores que se precipitaron sobre vías do rural. Foi necesario á súa vez retirar un vehículo na rúa Iglesias Vilarelle que se atopaba no medio da calzada por incidencia do vento e que danara a outro vehículo ben estacionado.
Este tipo de incidencias son as que xestionaron os efectivos de Emerxencias Sanxenxo, por unha árbore e dous sinais en Arra, o desprendemento de chapas da cuberta do mercado de Portonovo ou do centro de saúde de Baltar, ou a rotura dun módulo na praia de Canelas. Ademais o CEIP de Portonovo amenceu con persianas rotas e o de Nantes cun elemento do parque infantil caído.
Tamén en Poio foi necesario actuar pola caída dun poste con cableado en Area da Porta, árbores caídas no Bao na Armada, colectores que invadían a calzada ou bolsas de auga en varios puntos, sobre todo na praia de Lourido.
Pola súa banda Protección Civil de Caldas colaborou durante a noite nunha saída polo incendio dunha cheminea en Saiar, que se saldou sen danos. Neste municipio, por precaución ante unha previsible crecida das canles dos ríos Umia e Bermaña, pechouse o paso nos paseos fluviais e tamén na zona das Palmeiras.
Por último, a Deputación de Pontevedra informou que os servizos do Consorcio Provincial Contra Incendios realizaron 13 saídas durante a noite para atender incidencias, a maioría na zona do Salnés debido a caída de árbores, ramas, valos e postes.
Relacionadas:
-
Unha árbore cae sobre dous coches aparcados na rúa Rafael Areses
Por Redacción |
-
Elevan a nivel vermello a alerta por temporal costeiro no litoral de Pontevedra
Por Redacción |
-
As primeiras rabexadas do temporal deixan un regueiro de pequenas incidencias
Por Diego Espiño |
-
Suspendida a xornada de sábado no fútbol pontevedrés debido á alerta meteorolóxica
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Activan a alerta laranxa por fortes ventos e temporal marítimo durante a fin de semana
Por Redacción | Creada e actualizada