Elevan a nivel vermello a alerta por temporal costeiro no litoral de Pontevedra
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta indica que a alerta laranxa por temporal costeiro e de vento pasará a nivel vermello durante a noite deste sábado 10 de marzo nas provincias de Pontevedra e A Coruña.
Segundo reflicte a información da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), elevarase o nivel de alerta no litoral de Pontevedra e no oeste e suroeste da provincia da Coruña, ao agardarse ondas de ata 9 metros de altura por mar combinada do oeste. A partir do mediodía do domingo, continuará todo o litoral galego en nivel laranxa.
A coincidencia xeográfica deste fenómeno con outros por tormentas e choivas de nivel amarelo pode facer que acontezan anegamentos puntuais en zonas de costa do litoral de Pontevedra, sinala a Dirección Xeral de Emerxencias.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa (diques, paseos marítimos) mentres dure o adverso. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.
É recomendable á súa vez non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres ou outras edificacións que polas súas características construtivas poidan sufrir desprendementos.
Todos os medios do Servizo de Gardacostas de Galicia permanecen en alerta para calquera incidente que se poida producir a causa deste fenómeno meteorolóxico adverso.
Relacionadas:
-
Escaseza de peixe de baixura nos mercados de abastos debido aos temporais
-
O 112 xestiona 264 pequenas incidencias na provincia durante o temporal
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
As primeiras rabexadas do temporal deixan un regueiro de pequenas incidencias
Por Diego Espiño |
-
Suspendida a xornada de sábado no fútbol pontevedrés debido á alerta meteorolóxica
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Activan a alerta laranxa por fortes ventos e temporal marítimo durante a fin de semana
Por Redacción | Creada e actualizada